![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/332/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5ca23ccb2c-_mg_1919.jpg)
© Real Federación Galega de Fútbol
Vilagarcía empeza a vivir a Rolda Elite Sub-19
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Rolda Elite Sub-19 de fútbol feminino, torneo internacional clasificatorio para o Campionato de Europa que se vai a disputar no verán en Escocia, empeza a facerse notar en Vilagarcía de Arousa.
O Estadio Municipal da Lomba será un dos dous escenarios que acollerán os partidos, xunto ao Verónica Boquete San Lázaro de Santiago de Compostela, onde xogará a Selección Española. Pola capital arousá pasarán pola súa banda os combinados nacionais de Hungría, Irlanda e Serbia.
O Concello e a Real Federación Galega de Fútbol presentaron este luns os encontros que se xogarán na localidade, o Hungría-Irlanda (3 abril, 13:00 horas), Irlanda-Serbia (6 abril, 13:00 horas) e Serbia-Hungría (9 abril, 18:30 horas), todos eles con entrada de balde para o público aínda que é necesario retirar invitación nos despachos de billetes do estadio desde hora e media antes do partido.
"Este é un evento que se estende a toda a comarca do Salnés con adestramentos dos equipos en bastantes campos da zona, de maneira que facemos partícipes a moitos clubs e localidades", sinalou na rolda de prensa o vicepresidente federativo, José Manuel Fernández.
De feito, os campos de Baltar en Portonovo, San Pedro en Vilalonga, Burgáns en Cambados, A Senra en Ribadumia, Salvador Otero da Illa, Zacande, Dena ou Mosteiro acollerán algún dos adestramentos das seleccións nacionais ao longo da semana na que estarán nas Rías Baixas.
O concelleiro de Deportes de Vilagarcía, Miro Serén, e o presidente do Arousa SC, Manuel Abalo, completaron a presentación do evento.