Triunfo vital do PRC para a permanencia na LGR1 e derrota axustada do Mareantes
Por Redacción
O Pontevedra Rugby Club mira cara ao seu futuro próximo pensando en crecer na Liga Galega de Primeira División (LGR1) despois de conseguir un triunfo vital a fin de semana no campo de Monte Porreiro.
Os pontevedreses impuxéronse con claridade no duelo que enfrontaba aos dous últimos clasificados da categoría, ante o Fendestas (39-5).
Só un punto separáballes na táboa e no aire pesaba como unha laxa a posibilidade do descenso, unha responsabilidade que manexou mellor o PRC a pesar das baixas coas que afrontaba a cita. Así, tras unha primeira metade de igualdade (5-5), o duelo desiquilibrouse no segundo tempo, no que os locais mantiveron un alto ritmo para aproveitar o cansazo do seu rival.
Non lle foron tan ben as cousas ao Mareantes na LGR2, ao prolongar o seu mal momento cunha axustada derrota no campo do Santiago RC (17-15).
O conxunto pontevedrés adiantouse no marcador cun temperán golpe de castigo, pero non lograron dominar e o Santiago tomou a iniciativa ofensiva. Aínda así se chegou con táboas ao descanso, e co partido nun puño chegouse aos minutos finais cando un descoido da defensa do Mareantes foi aproveitado polos locais para anotar e levar os puntos en xogo.
Con este resultado o bloque branco e negro, aínda que se mantén na terceira praza con 30 puntos, afástase dos equipos que lle preceden.