Seguen as renovacións: Santi Domínguez acepta a oferta do Pontevedra para continuar unha tempada máis
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol 2013-2014 ten un novo compoñente confirmado despois de que a entidade lerezana anunciase oficialmente a renovación de Santi Domínguez por unha tempada máis.
O dianteiro de Bueu, que cumprirá o seu segundo ano de granate despois do seu regreso ao equipo, únese así a Adrián Gómez, Richi e Fran Fandiño na lista de futbolistas que se comprometeron por un ano.
Nas próximas horas as renovacións poderían continuar, despois de que Milo Abelleira trasladase nos últimos días ofertas para continuar unha tempada a Sergio Lloves, Edu Sousa, Caco, Jacobo, Tubo, Javi Pazos, Pacheco, Yago Vázquez, Lorenzo Riveiro, Iago Paz e Pablo González, ademais de propoñer un contrato de dous anos a Emilio, futbolista que esta tempada pertencía ao xuvenil de División de Honra.
Os que seguro non seguirán vestindo de granate son Cristóbal Juncal, Moisés Pereiro, David Sestelo, Stefan e Nano, baixas xa confirmadas polo club. Caso aparte é o de David Pérez, único xogador co que aínda non se falou por estar a realizar o curso de adestradores e ao que se pretende realizar unha oferta similar á do presente curso, seguir cun contrato no que só cobraría por obxectivos.