O CW Galaico presenta o seu IV Campus de Iniciación ao Waterpolo
Por Redacción
Por cuarto ano consecutivo o Club Waterpolo Galaico Pontevedra presentou este martes o seu Campus de Iniciación ao Waterpolo, que se celebrará dende o luns 24 de xuño ata o vienres 28 nas instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur e o Casino Mercantil e Industrial.
A actividade, dirixida a nenos de 8 a 12 anos e a nenas de 8 a 15, ten como obxectivo, segundo os responsables do club pontevedrés, facer pasar un bo anaco aos nenos participantes á vez que os ensinan os fundamentos do waterpolo mediante adestramentos prácticos en piscina complementados con sesións de explicación teórica.
As sesións realizaranse de 9:00 a 12:00 horas en Ponte Muiños a excepción do último día, no que se trasladarán ao Casino Mercantil finalizando as prácticas cunha pequena festa de despedida.
O campus estará impartido por tres adestradores do Galaico, licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, e terá un máximo de 40 participantes para un mellor control dos monitores. Os requisitos, segundo o director técnico do Galaico Javi de Sáa, redúcense a unha única esixencia, "lo único que pedimos es que los niños sepan nadar".
Para formalizar a inscrición ou solicitar información, os interesados poden dirixirse ás oficinas do club na piscina de Ponte Muíños. O prezo fixouse en 30 euros por alumno con desconto se os inscritos son dous irmáns (50 euros) ou tres (70 euros).