Histórico ascenso do Xuven Cambados a LEB Prata
Por Redacción
Cun guión soñado e unha traxectoria inmaculada na fase de ascenso, o Xuventude Cambados logrou facer historia este fin de semana converténdose en novo equipo de LEB Plata, a terceira división do baloncesto nacional.
O Xuven fixo valer os prognósticos e apoiado polo seu público foi capaz de sobrepoñerse á presión e ao mal recordo da tempada pasada impoñéndose aos outros tres equipos do sector disputado no Pavillón do Pombal: El Olivar, CB Novaschool e Meridiano Santa Cruz.
Despois de vencer con claridade no primeiro encontro ao Novaschool (77-56), os amarelos impuxéronse a El Olivar (72-63) para chegar coas súas opcións intactatas á xornada final, aínda que para iso era necesario dobregar ao Meridiano Santa Cruz.
O choque ante o equipo canario tivo dúas partes moi diferenciadas. A primeira caracterizouse pola igualdade e intensidade de dous equipos que buscaban a súa praza na LEB Prata, producíndose continuas alternativas e chegando ao descando cun axustado 33-31.
Á volta de vestiarios o panorama cambiou da man dun Xuven que logrou romper o partido (50-39 ao termo do terceiro cuarto) e controlar nos últimos 10 minutos a distancia a pesar dos intentos do equipo canario por reducir distancias.
Non o conseguiu o Meridiano que mesmo viu como a renda se ampliaba (72-55) nun broche de ouro para o Club Xuventude Cambados no ano do seu 35 aniversario.
O MARÍN PEIXEGALEGO, TERCEIRO DE GRUPO
Á xesta do Xuven non puido sumarse o Marín Peixegalego no grupo no que fora encadrado na fase de ascenso. En Madrid o equipo marinense concluíu en terceira posición despois de caer ante Sabadell (60-71) e Real Canoe (56-70) e gañar na última xornada ante o Montaxes Rueda Andújar (77-74).
O ascenso neste grupo correspondeu tamén ao organizador da fase final, o Real Canoe madrileño.