Goleada do Arosa ao Pontellas (4-0) para seguir crendo no ascenso a través do play-off
Por Redacción
O sono do ascenso segue vivo na Lomba a pesar de non alcanzar o Arosa as dúas primeiras prazas ao termo da última xornada da liga. Non obstante a goleada ante o Pontellas (4-0), unida aos tropezos de Portonovo e Sanxenxo, permite aos arlequinados rematar a competición regular nunha terceira praza que dá acceso ao play-off.
O encontro ante o Pontellas tivo pouca historia principalmente porque o conxunto dirixido por Piscis demostrou dende o primeiro minuto coa súa intensidade que quería esgotar as súas opcións de subir á Terceira División.
A pesar desa intensidade os goles arosistas non chegaron ata o segundo período, cando Hugo (en tres ocasións) e Nando perforaron a meta defendida por Solla.
Agora os arlequinados enfrontaranse nunha eliminatoria de ida e volta ao terceiro clasificado do grupo norte, o Bertamiráns. O gañador podería lograr o ascenso en caso de que un dos equipos galegos da Terceira que participarán na fase de ascenso a Segunda B logren subir, unha posibilidade que tendo en conta os números, por exemplo, do Racing de Ferrol, dá pé ao optimismo.
AROSA SC (4): Jorge Pérez, Santi (Borja, min 90), Juanjo, Ríos, Comesaña (Jonathan, min.89), Rivas, Hugo, Vixo, Guimeráns (Nando, min.71), Adrián Camiño, Eloy (Julio Rey, min.85).
CD PONTELLAS (0): Piri (Solla, min.4), Samuel, Lucas (Javi, min.79), Chuvi, Sito, Chuli, Jonás (Adrián, min.79), Zurdo, Nacho Franco (Garea, min.79), Comes, Pablo (David, min.62).
Árbitro: Rodríguez Pérez (Santiago). Amoestou ao local Adrián Camiño e aos visitantes Garea, Zurdo e Comes.
Goles: 1-0 Hugo, min.49; 2-0 Hugo, min.74; 3-0 Nando, min.81; 4-0 Hugo, min.87.
Incidencias: Partido disputado no estadio da Lomba, Vilagarcía.