Vitoria de Javi Gómez Noya no Campionato de Europa de Media Distancia disputado en Barcelona
Por Redacción
Javi Gómez Noya segue sumando triunfos ao seu envexable palmarés. Esta vez adxudicouse o Campionato de Europa de Media Distancia de triatlón, Half Challenge de Barcelona, disputado na mañá do domingo na localidade catalá de Calella.
Con preto de 2.000 participantes, Gómez Noya fixo valer a súa condición de favorito, dominando a proba dende o principio ao saír xa en segunda posición da proba de natación, para tomar o mando tras a transición e empezar a marcar diferenzas cos seus rivais, ata chegar á liña de meta con máis de seis minutos de vantaxe sobre o danés Martin Jensen, que foi segundo, e oito sobre o tamén danés Jens Toft, que completou o podio.
A gran decepción foi quizais a actuación do australiano Chris McCormack, que se esperaba fose o rival a bater por Javier Gómez Noya, e non obstante entrou nun discreto sétimo posto a once minutos do excepcional triatleta galego.