A Sociedad Gimnástica de Pontevedra non puido meterse na final da División de Honra de atletismo
Por Redacción
Tarde aciaga a do sábado para a Sociedad Gimnástica en Burgos, ao non conseguir meterse na final de División de Honra. O Jaén, aínda que non foi moi superior aos pontevedreses, soubo controlar en todo momento a diferenza, mantendo sempre a segunda posición durante o encontro.
O Barcelona destacouse nas primeiras probas e chegou a acumular a suficiente diferenza para non perigar a súa merecida vitoria e facer bos os prognósticos que lle presentaban como favorito.
Ao final os relevos foron decisivos. A caída da testemuña na primeira entrega do equipo pontevedrés, afundiu á Gimnástica ao terceiro posto do encontro.
Tras os resultados dos outros encontros a Gimnástica suma cinco puntos, tres polo encontro da primeira xornada e dous por este, puntuación que o fai empatar co Scorpio de Zaragoza e o Unicaja na oitava posición. Non obstante, contabilizados os puntos por postos dos encontros, a Gimnástica suma 325, o que relega os pontevedreses á décima posición.
Víctor Gallego, con vitorias en peso e disco; Ignacio Sarmiento nos 400 metros valos e Alfonso Palomanes, que se impuxo no triplo salto, lograron os primeiros postos da Gimnástica, con segundos para José Ángel Gómez, no triplo; Emilio Martín, nos 3.000 metros e o relevo do 4 x 400.
A grande anécdota da xornada foi o forte trebón acompañado dunha gran sarabiada que obrigou a suspender as probas nalgúns momentos da tarde, entre as seis e as sete e media, aínda que ao final marcharon as nubes e o encontro concluíu sen a desagradable chuvia.
A puntuación final quedou así: Barcelona, con 249 puntos; segundo o Unicaja de Xaén, con 171 puntos, terceiro Sociedad Gimnástica con 163 e cuarto o Burgos con 107 puntos.
Agora o club pontevedrés deberá competir por manter a categoría na División de Honra con Unicaja, Burgos, Tenerife, Pamplona, Oviedo, Alicante e Sabadell, nun escenario aínda por decidir, pero que podería ser Burgos ou Pamplona.