Jonathan Monteagudo, desde Marín ao Mundial de cuadriatlón
Por Redacción
Natación, ciclismo, carreira a pé... e piragüismo. Así é o cuadriatlón, a modalidade deportiva quizais menos coñecida do tríatlon e na que un marinense destaca nacional e internacionalmente.
Trátase de Jonathan Monteagudo, deportista da vila fincado na Coruña e que o vindeiro sábado 1 de setembro participará no Campionato do Mundo da especialidade.
Monteagudo desprazarase ata a localidade alemá de Ratscher, concretamente ao Lago de Bergsee, onde tentará repetir o podio mundialista conseguido en 2017, cando logrou o bronce.
O cuadriatlón suma a disciplina de piragüismo ao tríatlon, cun percorrido de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo, 4 quilómetros en piragua e 5 quilómetros finais de carreira a pé.
Todo un desafío que afrontará este marinense grazas ao patrocinio do Concello de Marín e tamén a unha campaña de micromecenado organizada polo seu club e que lle deu os fondos necesarios para custear a viaxe a Alemaña.