Arxil e Cisne xa teñen a súa propia colección de cromos
Por Redacción
Barmol Gestión e Publicidade, en colaboración co Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e os clubs Club Baloncesto Arxil e o Club Cisne de balonmán, puxeron á venda unha bonita colección de cromos de ambos os dous clubs pontevedreses, co obxectivo de incrementar os seus ingresos e axudarlles no posible a cubrir o seu presuposto.
Nesta colección, que leva por título "CROMO FLIPO" están todos os xogadores e xogadoras, delegados e adestradores, así como fotos dos equipos da tempada 2012/2013 e de tempadas anteriores, que sirvan de recordo para os compoñentes de ambos os dous clubs e afeccionados en xeral. Ademais as portadas dos albumes están deseñadas polo debuxante Kiko Da Silva, que, como de costume, realizou un artístico e magnífico traballo.
Os cromos están á venda dende o venres, día 10 de maio, e poderanse adquirir nos seguintes establecementos colaboradores: Cafetaría do Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Copistería-Libraría Loguital, rúa Herreros, 6, Libraría Follas Verdes, rúa San Pedro Alcántara, e Kiosko Paredes, en fronte á igrexa da Virxe Peregrina.