Máis dun cento de arqueiros estarán en Pontevedra para o Autonómico de tiro con arco
Por Redacción
O campo de tiro Boa Vila, situado na Devesa (Alba), acollerá este fin de semana o campionato galego ao aire libre de arco recurvo e arco composto, que ten previsto reunir a máis dun centenar de deportistas.
O torneo, organizado polo Club Boa Vila de Tiro con Arco, conta entre os inscritos con algúns dos arqueiros situados na elite nacional deste deporte.
O sábado 30 competirán, a partir das catro da tarde, 38 arqueiros das categorías infantil, alevín, benxamín e pre-benxamín, tanto en homes como en mulleres.
Ao día seguinte, domingo 1 de xullo, será a quenda para os deportistas cadete, junior, sénior e veteranos. Neste caso, serán 83 os deportistas que loitarán por converterse nos campións galegos.
A competición comezará ás dez da mañá e estenderase ao longo da xornada.