A vitoria en Guadalajara (2-5) deixa ao Poio Pescamar a só tres puntos da súa clasificación para o play-off de ascenso
Por Redacción
Penúltimo obstáculo na carreira cara ao play-off. Proba superada. O Poio Pescamar foi a Guadalajara sabendo que estaba nas súas mans seguir perseguindo un sono e non querían deixalo escapar. E non o fixeron. Nos primeiros cinco minutos xa gañaban por dous goles ao Chiloeches e antes do descanso practicamente deixaban sentenciado o resultado, pero o que era máis importante, aparcaban calquera posibilidade de nerviosismo se o marcador fose apertado.
Queda aínda un último escollo. Pero ese será na casa. No Pavillón de A Seca. Á calor dun público fiel e entusiasta como poucos, que volverá deixar pequeno o recinto deportivo de Poio. A final será o próximo sábado, ás 18:30 horas, fronte ao conxunto de Alcorcón. Unha vitoria sobre as madrileñas poñerá as de Marcio Santos na fase de ascenso a Primeira División Nacional. Despois a gozar e, por que non?, a seguir soñando.
Pero a pesar do marcador, que ninguén pense que foi doado o triunfo en terras alcarreñas. O Chiloeches non baixou os brazos en todo o partido, a pesar da vantaxe visitante. Iso si, o Poio Pescamar saíu envorcado, cunha intensa presión avanzada que pronto deu os seus froitos. Elena abría a conta aos dous minutos, e antes de que se cumprise en minuto cinco de partido Ceci facía o segundo, para que Claudia lograse o terceiro pouco antes do descanso.
Un gol en propia porta de Nerea parecía abrir as posibilidades de remontada local, pero Charo encargaríase de poñer as cousas no seu sitio con dous novos goles na recta final do partido, facendo inútil o último gol de Icía, que só serviu para reducir diferenzas.
CHILOECHES (2): Patri, Laura, Villarino, Anita, Carmen -cinco inicial-, Cristina, Icia, Arancha, Sandra e Sara.
POIO PESCAMAR (5): Nerea, Ceci, Charo, Peke, Elena -cinco inicial-, Tania, Bibi, Yoli, Kiko, Claudia e Carmen.
Árbitros: Cámara Sanz y Doro Vergal (Guadalajara). Mostraron tarxeta amarela a Cristina, Patri, Anita (2), Charo e Kiko.
Goles: (0-1) Minuto 2: Elena. (0-2) Minuto 5: Ceci. (0-3) Minuto 18: Claudia. (1-3) Minuto 29: Nerea p.p. (1-4) Minuto 35: Charo. (1-5) Minuto 37: Charo. (2-5) Minuto 38: Icia.
Incidencias: Pavillón Municipal de Chiloeches (Guadalajara). Uns 200 espectadores.