Hondartza, unha pequena caldeira espera o Teucro nas semifinais polo ascenso ante o Bidasoa
Por Diego Espiño
Unha pequena ola a presión espera ao Teucro no seu primeiro partido da fase de ascenso á Liga Asobal ante o equipo organizador do play-off, o Bidasoa Irún.
Os catro clubs clasificados e a Federación Española pactaron trasladar a xornada do sábado 11 de maio a Hondarribia, concretamente ao Pabellón de Hondartza, ante a imposibilidade de usar a sede habitual do Bidasoa, Artaleku, pola disputa o mesmo día da final da Copa do Rei de fútbol sala.
Javier Barrios: "El factor casa ya lo íbamos a tener en contra, lo que hay es que intentar sacar partido de ello, que les pese la presión"
Así a primeira semifinal, que enfronta aos anfitrións co Teucro, se xogará o día 11 ás 17:00 horas en Hondartza, un pavillón con capacidade para 636 persoas sentadas (unhas 300 máis de pé) que se prevé quédese moi pequeno, tendo en conta que só o Bidasoa conta con aproximadamente 750 socios. O ambiente non obstante non preocupa ao técnico pontevedrés, Javier Barrios, "el factor casa ya lo íbamos a tener en contra, lo que hay es que intentar sacar partido de ello y que sea positivo para nosotros, que les pese la presión".
Barrios non quere falar de encerros e céntrase en mellorar os erros que cometeron ante os vascos no seu último enfrontamento, "no podemos cometer errores, tenemos que defender fuerte y dar menos facilidades de las que dimos la última vez".
A segunda semifinal, entre Ángel Ximénez e Alcobendas, disputarase no mesmo escenario ás 19:30 horas, mentres os partidos polo terceiro posto e a final, previstos para o domingo 12 de maio, si poderán disputarse no Pabellón de Artaleku, con capacidade para aproximadamente 2.000 espectadores.
MIGUEL PORTO EVOLUCIONA POSITIVAMENTE
Javier Barrios contará coa baixa segura en Irún de César Armán, fóra do equipo por lesión dende hai varios meses. Do resto do equipo só preocupa o estado de Miguel Porto, que evoluciona favorablemente da escordadura no nocello que se produciu no último partido da liga regular en Alcobendas.
O preparador teucrista confía no que o lateral comece esta semana a realizar desprazamentos laterais e a próxima se incorpore ao mesmo ritmo que os seus compañeiros. Barrios decidiu dar descanso sábado e domingo aos seus xogadores para preparar dende o luns con maior intensidade o encontro ante o Bidasoa.