Gran final en Pasarón. O Pontevedra xógasea fronte ao campión Rácing de Ferrol
Por Ramiro Espiño
Chega a hora da verdade para o Pontevedra. Dende hai bastantes xornadas vénse falando de que cada partido é unha final para os granates na súa loita por desbancar a Compostela ou Deportivo B dun dos postos que dan dereito a disputar a fase de ascenso, pero o partido do domingo (17:00 horas), en Pasarón, fronte ao líder e anticipado campión de Liga, Rácing de Ferrol, non só é transcendental, senón tamén pode que definitivo.
A vitoria fronte ao intratable líder relanzaría as posibilidades granates de acceder ao play-off. Unha derrota deixaría o Pontevedra, a expensas dun milagre, practicamente sen opcións. Tendo en conta que Compos e Depor B teñen tamén posiblemente os seus dous choques máis comprometidos do que lles queda por diante, de non conseguir reducir diferenzas nesta xornada, con só tres partidos máis por disputar, a diferenza non sería definitiva matematicamente, pero realmente case insuperable de enxugar.
O partido, que será dirixido polo colexiado ourensán Breogán Martínez Vila, non será doado para os granates. Certo é que a motivación é máxima, pero a dificultade tamén. Atrás queda o soberano repaso que o equipo adestrado por José Manuel Aira propinou ao Pontevedra en A Malata, pero se alguén pensa que o Rácing tras asegurarse o primeiro posto levantou o pé do acelerador e vai facer concesións equivócase. Os ferrolanos veñen realizando unha especie de pretempada longa para competir ao máximo nivel nas eliminatorias polo ascenso, e o partido do domingo para eles será algo así como un test.
A afección granate sabe que o seu concurso será fundamental. O Consello de Administración de novo adoptou medidas para intentar que a asistencia de público sexa o máis alta posible, co fin de que o equipo se sinta avalado polos seus, polo que se espera unha grande entrada nas bancadas.
Milo Abelleira convocou 20 xogadores. Emilio, Javi Pazos e Pacheco irán co filial
Milo Abelleira realizaba na mañá do sábado o último adestramento da semana, no mesmo escenario do partido. Con todos os seus homes dispoñibles, algo pouco habitual nesta tempada, o técnico decidiu tirar de experiencia, botando man dos máis veteranos aos que en teoría non debese pesarlles tanto a responsabidad. Así, e tendo en conta que Emilio, Javi Pazos e Pacheco irán a reforzar ao filial, o técnico convocou a un total de 20 xogadores: Lloves, Lorenzo, Adrián, Caco, Cristóbal Juncal, Pablo, Yago Vázquez, Sestelo, Tubo, Fran Fandiño, Moisés, Richi, Stefan, David Pérez, Jacobo, Iago Paz, Santi Domínguez, Nano, Buba e Tomás, polo que catro deles verán o partido dende a bancada.
Polo visto no adestramento, os cambios poderían afectar fundamentalmente á zona ancha, onde Caco entraría por Emilio, mentres que Moisés, que pode reaparecer como titular, e Jacobo xogarían por diante, en detrimento de Stefan, que quedaría no banco para actuar unicamente con Santi Domínguez en punta. Deste modo, o posible equipo titular sería: Lloves; Cristóbal Juncal, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Caco, Moisés; Tubo, Jacobo, David Pérez; e Santi Domínguez.