Tal día como hoxe, hai 71 anos, nacía o Pontevedra C.F. Rescatamos o disco que inspirou o "Hai que roelo"
Por Ramiro Espiño
O 16 de Outubro de 1941 nace o Pontevedra C.F.. O Paseo das Palmeiras é testemuña do acordo fundacional que nace da fusión dos dous clubs existentes na cidade, o Eiriña e o Alfonso. Na "acta de fundación" recóllese a que sería primeira directiva, presidida por D. Fernando Ponte Conde, e na que se especifica o uniforme: camiseta granate, pantalón branco, medias granates.
O Local social do club quedaba establecido na rúa Isabel II número 14, baixo. O primeiro despacho oficial produciuse nun encontro amigable contra o Celta, e no que unha entrada en preferencia custaba 4 pesetas, en xeral 3 pesetas e señoras nenos e militares 1 peseta.
Pero todo ésto é historia xa coñecida pola maioría de afeccionados de toda España. Sucedía fai hoxe precisamente 71 anos. O club está de aniversario e con este motivo dende PontevedraViva queremos ofrecer un documento histórico a xeito de humilde homenaxe ao club e os seus seguidores nun día especial para todos eles. Recuperamos o son dun disco gravado en vinilo, orixinariamente en castelán, e que inspirou o que na etapa gloriosa dos anos 60 a afección cantaba nas bancadas de Pasarón, co retrouso en galego.
Pasados os anos un non sabe se o feito de que o retrouso se corease en Pasarón provocou que o tema completo fose gravado en disco (a gravación é de 1966), ou foi ao revés e a afección granate inspirouse no disco (parece o máis probable) para facer seu o famoso retrouso traducindo a súa letra ao galego. O certo é que o tema forma parte indisoluble da historia granate e ese retrouso sacado do orixinal en vinilo, é o que ofrecemos neste día.
O disco está editado por Edicións musicais Montañés (que é tamén o autor da obra) e o tema " Hai que roelo é o primeiro corte da cara B, cantado por José Romero, coa orquestra "Sabor español".
Non é son dixitalizado, pero é un nostálxico recordo da época máis gloriosa do Pontevedra C.F., coa nosa felicitación para toda a familia granate e o desexo de que entre todos se logre devolver o club ao lugar que por historia merece no fútbol español.