Joventut Les Corts criba a triplos a un Arxil sen recursos (62-75)
Por Ramiro Espiño
Doloroso tropezo do Arxil a mans de Joventut Les Corts, que deixa ás pontevedresas moi lonxe dos postos altos, tras un partido igualado na primeira parte e de claro dominio catalán nunha segunda na que as verdes se desfondaron de forma estrepitosa, especialmente en ataque, incapaces de cortar a fluidez na circulación de balón das visitantes.
As de Mayte Méndez non entraron mal no partido, dominando con curtas rendas o primeiro cuarto (19-16) e gran parte do segundo parcial, no que chegaron a dispoñer dunha máxima vantaxe de oito puntos que non souberon manter nos últimos catro minutos antes do descanso. Foi aí onde as catalás comezaron a martillear o aro pontevedrés con lanzamentos triplos que lle permitiron tomar o control e chegar ao descanso co marcador igualado (39-39).
Pero esa igualdade terminaría de romper ao regreso de vestiarios. As visitantes encadearon un inusual acerto máis aló da liña de 6,25, sumando nada menos que un total de 13 canastras de 25 intentos (52%), que deixou sen resposta a un Arxil especialmente desacertado nese aspecto, cun pobrísimo 1 de 8 intentos (12%).
Se en defensa o Arxil era incapaz de cortar a fluidez na circulación de balón das visitantes, que lles permitía atopar posicións cómodas de lanzamento, en ataque as verdes tampouco tiñan o seu día, o que provocou un demoledor parcial de 13-29 que deixaba o partido sentenciado (52-68).
A vantaxe aínda seguiría crecendo nos últimos dez minutos, ata chegar á máxima do partido (21 puntos), momento en que as catalás afrouxaron o ritmo e o Arxil puido anotarse o parcial cun simbólico 10-7, que non evitou a clara derrota (62-75).
Consulta as estatísticas do partido Arxil-Joventut Les Corts nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Arxil tira pola borda no último cuarto o seu bo traballo anterior na pista de Aros León (62-55)
Por Redacción |
-
O Arxil cambia o seu horario habitual de xogo para recibir o Joventut Les Corts
Por Redacción |
-
O Arxil queda en terra de ninguén tras perder ante o Ensino (57-64)
Por Redacción |
-
O líder Celta Zorka fai valer o seu bloque e móstrase intratable ante o Arxil (74-63)
Por Redacción |