O Cisne despide a liga ante a súa afección cunha nova derrota (33-36) fronte ao Solla e Cía Construcciones
Por Ramiro Espiño
Din os expertos que o balonmán se gaña en defensa e se perde en ataque e nesta ocasión cumpriuse rigorosamente ese argumento. Nun partido sen defensas gañou quen máis o necesitaba, o equipo de Chapela, que buscaba os puntos para dar un paso máis cara ao ascenso, e que soubo aproveitar o intercambio de golpes en que se converteu o partido para tirar proveito nos minutos finais e levarse unha vitoria máis sufrida do que en principio se podería pensar.
As defensas dun e outro equipo practicamente non existiron e como consecuencia a achega en portaría tampouco foi moi destacada. As accións de ataque consistían en lanzar sen demasiada elaboración e con menos oposición aínda por parte do contrario. Deste modo a igualdade foi a tónica dominante dun partido que se limitou a un constante ir e vir con resposta do rival a cada gol do seu opoñente.
Abondou que o Cisne se atascase en ataque nos últimos cinco minutos para que os homes de Fran Teixeira se levasen unha vitoria moi protestada polo equipo local, que se queixou dunha arbitraxe pouco acertada, pero que repartiu erros. Os de Milucho Pintos despedían así a tempada no seu feudo cunha nova derrota, nun final de liga para esquecer.
CLUB CISNE (33): Toño Lafuente, Pablo Galán (p.s.); Pablo Domínguez (5), Alex Chan (4), Pablo Picallo (1), Andrés Sánchez (1), Martín Iglesias (2), Alberto Casares (9), Javier Vázquez (3), Pablo Rey, Miguel Simón, Pachi Dacosta (4), Adrián Freiría (2) e Dani Puente (2).
SOLLA Y CÍA CONSTRUCCIONES (36): Pablo Domínguez, Antón Sequeiros (1) (p.s.); Iago Cuadrado (3), Rubén Gómez (4), Chema Cid (6), Martínez (2), Fabián González (4), Ángel Martínez (1), Rafael Gestido, Roberto Sánchez (8), Pablo Vidal (7), Adrián Blanco e Pablo Casal.
Árbitros: Roberto Alcalde Golas e David Ramos Montero (Castela-León). Descualificaron con vermello directo a Pablo Domínguez (min. 39). Excluíron por dous minutos a Pablo Domínguez, Alberto Casares (2), Rubén Gómez, Chema Cid, Ángel Martínez, Roberto Sánchez e Pablo Casal.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 5-5, 9-7, 12-9, 14-11, 17-16 (descanso), 19-19, 23-23, 24-24, 27-28, 31-32 e 33-36 (final).
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Pontevedra). Uns 150 espectadores, con nutrida e ruidosa presenza de afeccionados visitantes.