O Waterpolo Pontevedra empata ante o Santiago e despídese do primeiro posto
Por Redacción
Aínda falta unha xornada para concluír a competición regular na Liga Galega de Waterpolo de Primeira División, pero na práctica todo decidíase a pasada fin de semana no duelo directo entro os dous colíderes, o CW Pontevedra e o CW Santiago.
Necesitaban os pontevedreses a vitoria na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para desbancar aos composteláns do primeiro posto e lograr así vantaxe de campo no play-off polo título, pero tiveron que conformarse cun empate que lles condena á segunda praza.
Os locais fixeron un bo partido, dominando o encontro desde o primeiro cuarto, cunha boa defensa e numerosas ocasións de gol. O CW Pontevedra xogaba con seguridade, aínda que con mala fortuna nos lanzamentos e desacertado nas xogadas de superioridade, onde comezaba a perder o partido.
Cun 5-3 a favor entraba chegábase ao último e definitivo cuarto, momento no que a ansiedade por gañar empezou a xogar unha mala pasada permitindo ao Santiago aproveitar os erros en ataque dos locais para remontar e poñerse en vantaxe. Os de Javi de Sáa reaccionaron empatando a fañta de 1 minuto e 10 segundos, e contaron cunha última posesión en superioridade de ata dous homes, pero non lograron premio deixando o resultado final en empate a 7 goles.
Con este resultado, tendo en conta que o Santiago xogará o seu último encontro da liga regular ante un Pabellón Ourense que non logrou puntuar ata a data, todo fai indicar que o Pontevedra terase que conformar coa segunda posición, o que ademais de perder a vantaxe de campo no play- off déixalles sen posibilidade de xogar polo ascenso de categoría.