O Galaico mantense na Primeira División Feminina
Por Redacción
Os contratempos en forma de problemas físicos de varias das súas nadadoras estiveron a piques de xogarlle unha mala pasada ao Club Natación Galaico na Copa de España de Clubs celebrada en Barcelona.
Unha crise asmática de Aurora Pérez ou a gastroenterite que afectaba a Clara Otero minguaron o potencial do equipo feminino pontevedrés, pero as súas compañeiras deron o máximo para asegurar na última xornada da competición a permanencia na Primeira División.
O Galaico finalizou na sexta posición con 370 puntos, superando na clasificación o CN Mataró (322 puntos) e o CN Santa Olaya (313), os clubs que descenderon de categoría.
No extremo contrario, o campión foi o Gredos San Diego (589 puntos) co CE Mediterrani (500 puntos) segundo, os dous equipos que competirán a próxima tempada na máxima categoría. Estiveron seguidos polo CN Granollers (415,5), CN Palma de Mallorca (394) e CN Madrid Moscardó (375,5).
Positiva foi tamén a estrea do equipo masculino do Galaico na Segunda División Nacional, na Copa de España celebrada no seu caso en Sabadell, ao asinar un undécimo posto de 16 participantes, superando as previsións dos técnicos e adquirindo unha valiosa experiencia para o futuro na que supoñía a primeira competición do curso en piscina de 50 metros.
Antes de finalizar o ano o Club Natación Galaico aínda afrontará unha nova cita, entre o xoves 28 e o sábado 30 de decembro, co Campionato Galego Absoluto de Inverno que terá lugar en Santiago de Compostela.