Recepción municipal ao Mace Sport polo seu recente éxito no Campionato de España de Taekwondo
Por Redacción
A sala de prensa do Concello de Pontevedra serviu este martes para homenaxear o traballo de base e os resultados do Club Mace Sport de Taekwondo.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, recibiron aos deportistas que representaron ao club pontevedrés en Castelló no recente Campionato de España, onde lograron unha trintena de medallas.
Foron 59 os deportistas que acudiron á cita, logrando ademais o segundo posto na clasificación por equipos da categoría cadete de combate e o terceiro posto en exhibición en idade absoluta.
Lores quixo destacar o bo facer do Mace Sport e o esforzo que supón apoiar "a tantos deportes" como ten Pontevedra. Xunto a el atopábase ademais o presidente do club, Miguel Cortegoso, que aproveitou para a ocasión para reclamar "un esforzo" ao goberno local para habilitar calefacción no seu lugar de adestramento, o pavillón da ONCE.