Tempo de cambios na Sociedad Gimnástica
Por Redacción
Arrinca unha nova tempada para a Sociedad Gimnástica de Atletismo e faino con importantes cambios, con baixas de atletas que levan anos defendendo ao club ao máximo nivel e tamén dalgún técnico e directivo que decidiu deixar paso a sabia nova.
É o caso por exemplo de Jesús Cortegoso, que abandona a entidade tras 27 anos como atleta primeiro, monitor despois e tamén secretario da xunta directiva. A el únese Pablo Díaz, atleta, adestrador e durante varios anos director técnico da Ximnástica que despois de 14 anos defendendo as cores da Gimnástica decidiu continuar coa súa carreira profesional noutro club, o Rungalicia, que axudou a fundar.
As baixas son tamén importantes no plantel de atletas, empezando por Clara Gil que con 18 anos de experiencia no club pontevedrés, nos que se situou entre as mellores do panorama nacional no salto con pértega, decidiu deixar momentaneamente o atletismo.
Julián Ortiz e Lysvanys Pérez son dúas despedidas importantes tamén para o equipo masculino de División de Honra. O primeiro tras 8 anos e o segundo despois de 4, cun importante palmarés nas súas respectivas disciplinas, os valos e o salto de altura, colaborando nos éxitos e na permanencia da Gimnástica na máxima categoría do atletismo nacional.
Non son os únicos en dicir adeus, e é que David Domínguez abandona o club despois de 15 anos como titular na aliñación da División de Honra.
No equipo feminino causan baixa a fondista Lucía Cardesín, parte do conxunto que logrou o ascenso a Primeira División e que fichou polo Celta, e Irima Molinedo (lanzamento de martelo), que decidiu centrarse na súa actividade laboral como fisioterapeuta.
Outros deportistas especialistas no fondo e no mediofondo decidiron abrir novas etapas, como son Iván Docampo, Rubén Diz, Jorge Puig, Fernando Rial, Francisco Javier Iglesias, Laura Goñi e María Teresa Suárez.
Tempo de cambios nunha Sociedad Gimnástica que deberá buscar substitución a tanto talento perdido co obxectivo principal de manter aos seus equipos absolutos na División de Honra Masculina e a Primeira División Feminina.
Relacionadas:
-
A Gimnástica non perdeu a estrea da pista de atletismo cuberta de Ourense
Por Redacción |
-
As categorías inferiores da Gimnástica, protagonistas no Memorial Belarmino Alonso
Por Redacción |
-
As atletas da Gimnástica, a bo nivel en Bueu
Por Redacción |
-
Batería de reforzos para os equipos absolutos da Gimnástica
Por Redacción |
-
Víctor Gallego, atleta da Gimnástica: "o que estamos a facer agora hai poucos anos sería impensable"
Por Diego Espiño |
-
Unha cea á altura de 90 anos de historia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
RADIO.- Sociedad Gimnástica, unha historia que comeza "cos 28 de Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |