Un sólido Feel Cortegada apea ó anfitrión da final da copa Galicia
Por Ramón Estévez
O Feel Cortegada chegaba a Ferrol tras unha pretempada inmaculada, na que aínda non coñece a derrota. Arxil, Celta de Vigo e Pabellón de Ourense xa foran vencidos polas de Vilagarcía, que afrontaban en Ferrol a semifinal da Copa Galicia ante a escadra que xogaba co público do seu lado.
O encontro xa comezou con pequenas rendas para as de Pepe Vázquez, que anotaban con fluidez, así o electrónico sinalaba un esperanzador 21-16 ó remate dos primeiros 10 minutos.
No segundo período, ante un Universitario Ferrol maniatado pola boa defensa visitante, viuse a unha Ilenia Manzanares campando ás súas anchas en ambas zonas, reboteando en ambos aros e anotando ata irse ós 16 puntos e 28 de valoración. Ademais, María España, con 26 puntos e 6 triples no encontro, martilleaba o aro das de Lino López, que non era quen de parar o vendaval do Feel Cortegada. Así, con 39-28 chegábase ó descanso.
O Universitario aproveitou para coller folgos no vestiario e case limou por completo a diferencia, cun parcial de saída de 9-0 ata situarse 39-37. Pese a iso as de Pepe Vázquez non se puxeron nerviosas e cun bo traballo de equipo e co acerto nos tiros de 3 puntos conseguiu manterse por diante, chegando ó final do terceiro cuarto 58-53 por riba, coas ferrolás anotando 25 puntos no seu mellor cuarto, no que destacaron a norteamericana Lett e a jamaicana Ashmeade, que no resto do encontro foi moi ben freada por Amy Syll.
Lonxe de amilanarse o Feel Cortegada comezou como unha tromba o último período cun parcial de 11-0 trala primeira canastra do Universitario, colocando un 69-55 que só tivo que administrar o resto do encontro. A dirección de Montse Gilabert, o lanzamento exterior de María España ,o dominio na zona de Amy Syll e o completo partido realizado por Ilenia Manzanares foron as claves dunha victoria por 16 puntos (79-63) que ten como recompensa xogar hoxe sábado a partir das 19 horas diante do Ensino de Lugo.
Precisamente, na outra semifinal, as lucenses demostraron ser moi superiores ó Celta de vigo ó que venceron con facilidade por 78-53. Polo tanto, a final está servida e decidirá se Durán Maquinaria Ensino ou Feel Cortegada se proclaman como o mellor equipo de Galicia.
Ficha técnica:
Feel Cortegada: 79 (21+18+19+21: Andrea Ríos (4), Eva Arines (2), Montse Gilabert (6), Onayssa Sbahy (2), María España (26), Salomé García (9), Amy Syll (11), Lucía Méndez (3) e Ilenia Manzanares (16).
Universitario de Ferrol: 63 (16+12+25+10: Montiel (4), Feijoo (5), Lett (16), Fernández (2), Pazos (2), Pedrals (8), Ashmeade (15), Alejo (0), calvo (3) e Laffi (8).
Incidencias: Segunda semifinal da XX edición da Copa Galicia de baloncesto feminino, disputado no pavillón de Esteiro ante 400 espectadores.
Árbitros: José Godoy e Diego domínguez. Sinalaron 16 faltas ó Feel Cortegada e 21 ó Universitario de Ferrol.