O Consello de Administración do Pontevedra pacta que Mauricio Rodríguez siga ata final de tempada
Por Ramiro Espiño
Case tres horas de reunión. O Consello de Administración do Pontevedra tivo unha intensa sesión para decidir a data da esperada Xunta Xeral de Accionistas, así como preparar e consensuar os asuntos a formular á devandita xunta, especialmente en canto á cantidade que ha de someterse a aprobación en concepto de ampliación de capital.
A reunión, que comezaba arredor das sete da tarde do venres, tivo lugar nas oficinas do club, en Pasarón, e a esta asistiron, ademais dos membros do Consello, os avogados do gabinete Garrigues, que tutelan ao club no proceso concursal en que estivo inmerso, así como a asesora do propio Consello, Lupe Murillo, e o avogado do máximo accionista, Nino Mirón.
Apenas transcorrera media hora cando chegaba o propio Nino Mirón, quen ao observar a presenza dos xornalistas intentou eludir os obxectivos das cámaras dos reporteiros gráficos, accedendo ás oficinas por outra porta do estadio.
Preto das dez da noite os asistentes abandonaban o estadio, mentres o Vicepresidente do Pontevedra e voceiro do Consello, José Manuel Fernández, encargábase de comparecer ante os informadores.
A Xunta Xeral de accionistas celebrarase o 15 de abril
Para comezar, José Manuel Fernández xustificaba a elevada duración da reunión: "Foi unha reunión longa, porque sempre hai diferenzas de criterio, pero chegouse a un punto de acordo que facilita moito o desenvolvemento da próxima xunta de accionistas e a futura andaina do club".
Despois entraría no apartado económico, anticipando que se fixara data para a Xunta Xeral de accionistas, que terá lugar o 15 de abril, ás 20:45 horas, no Teatro Principal.
Na devandita xunta serán sometidos a aprobación os presupostos da presente tempada 2012/2013, cuns ingresos previstos de 604.948 euros, unha previsión de gastos de 587.549 euros e un superávit estimado de 17.399 euros.
A ampliación de capital queda fixada en 400.000 euros
Ademais, despois de indicar que todos os acordos se tomaran por unanimidade no Consello, confirmou as cifras anticipadas por PontevedraViva en canto á amplación de capital social: "Como sabedes, porque xa saíu publicado na prensa, había unha diferenza de opinión na cantidade en que se ampliará capital. Vai quedar fixada en 400.000 euros, cantidade que estimamos permitiranos contar cunha maior liquidez e que os avogados do gabinete Garrigues que estiveron aquí consideran é unha cifra suficiente para conseguir o obxectivo de dotar de viabilidade este club".
A débeda do club queda reducida tras o procedemento concursal a 750.000 euros
A continuación, José Manuel Fernández explicaba a grandes trazos como queda a situación económica do club unha vez finalizado o procedemento concursal en que estivo inmerso: "A débeda que temos con Facenda é de 408.000 euros, coa Seguridade Social aproximadamente 202.000 euros, os créditos privilexiados suman uns 84.000 euros, e outras cantidades menores, fan que esteamos a falar dunha débeda aproximada total do club duns 750.000 euros, unha vez finalizado todo o proceso,".
"Entendemos que é unha débeda totalmente asumible -seguiu dicindo José Manuel Fernández-, o único que nos queda é negociar con Facenda nada máis, xa que coa Seguridade Social non hai ningún tipo de problema. A próxima semana iremos a Facenda con todos os datos que temos e as previsións de ampliación de capital para que vexan que este club é viable".
Por petición do Consello e do máximo accionista, Mauricio Rodríguez segue como presidente ata final de tempada
Logo anunciou que o actual presidente do Consello, Mauricio Rodríguez, seguirá no cargo ata finalizar a actual tempada, salvo que antes apareza unha persoa disposta a asumir o relevo: "Dicir, tamén porque creo que é importante, que o presidente do Consello de administración mantiña a decisión de rematar o seu mandato despois da xunta xeral, pero dende o propio Consello, incluído o máximo accionista, se lle solicitou que quedase ata final de tempada, para que non houbese un baleiro. Entendiamos que para o Pontevedra non é bo nun momento en que aínda pelexamos por un obxectivo como é a fase de ascenso".
Iso si, a continuidade de Mauricio Rodríguez parece quedar descartada: "Si que se mantén ata final de tempada, pero se vai ir loxicamente en canto remate. Mesmo se hai unha persoa que dá o paso xa de cara ao futuro, traballará con el durante ese período entre a xunta xeral e a finalización da tempada. Pero é evidente que un presidente ou unha presidenta non se fabrica e os tempos marcaraos esa persoa no momento en que diga que quere facerse cargo do club, pero que quede claro que Mauricio Rodríguez Boullosa xa manifestou que se vai. Estará dous meses ou podería irse xa á finalización da Xunta".
Por último, José Manuel Fernández tamén quixo mandar unha mensaxe tranquilizadora a equipo e empregados do club, que están sen cobrar dende mediados de novembro: "Aos xogadores váiselles poñer ao día en canto aos seus haberes en escasas datas. Non podo concretar exactamente o día, pero en breve prazo faremos efectivo o pagamento da débeda que se mantén con eles".