Suso Morlán pensa xa en volver ao traballo tras ser operado dun tumor cerebral
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Suso Morlán avanza na súa recuperación tras ser intervido cirurxicamente o pasado 8 de novembro para extirparlle un tumor no cerebro.
O adestrador pontevedrés, actual seleccionador brasileiro de piragüismo, pensa xa en volver á súa actividade profesional e "a próxima semana xa coordinará, de forma remota, o adestramento da selección brasileira, que volveu hai pouco do Campionato Suramericano", sinalou o Comité Olímpico Brasileiro en declaracións á Axencia EFE.
Morlán permaneceu ingresado durante as últimas semanas no hospital Copa D'Or de Río de Janeiro en repouso e á espera de coñecer o tratamento ao que debe ser sometido.
No centro médico da capital brasileira foi operado polo neurocirurxián Paulo Niemeyer despois de que varios mareos e dores de cabeza permitisen localizar, tras diversas probas, un tumor na base do cerebro. Antes, xa notara algúns síntomas durante a súa recente estancia en Pontevedra, tras os Xogos Olímpicos, aínda que nese momento achacou esas sensacións á tensión que supuxo a competición.