Gómez Noya doa 5.000 euros para colaborar no traballo social da Asociación de Veciños O Mirador
Por Redacción & Mónica Patxot
A Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro recibiu este mércores un donativo de 3.750 euros por parte de Javier Gómez Noya.
O pentacampión do Mundo de tríatlon elixiu entregar a esta asociación pontevedresa o diñeiro conseguido no "Desafío Tríatlon" organizado o pasado 12 de novembro en Madrid por un dos seus patrocinadores, Bridgestone.
O reto consistía en que os 280 participantes inscritos nun tríatlon indoor completasen o máximo de quilómetros posibles, repartidos entre os deportistas que competían en distancia super sprint (300 metros de natación, 5 quilómetros de bicicleta e 2 quilómetros correndo) e unha distancia denominada 'promocional' (100 metros en piscina, 2 quilómetros en bicicleta estática e 500 metros correndo nunha cinta).
A empresa organizadora do evento comprometíase a doar 1 euro por cada quilómetro percorrido ata o 1.500, momento no que dobraba a súa doazón.
Finalmente, tras completar entre todos 1.875 quilómetros (3.750 euros), Gómez Noya foi o que decidiu achegar esa doazón a O Mirador e completala achegando do seu peto a cantidade que restaba ata os 5.000 euros, que se destinarán a colaborar cos fins sociais desta asociación.
Ademais de organizar carreiras populares ou habilitar escolas deportivas, O Mirador conta con programas de axuda á terceira idade e un banco de alimentos que dá servizo a familias en risco de exclusión.
Relacionadas:
-
Exhibición de Gómez Noya no medio Ironman de Dubai: vitoria e clasificación mundialista
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya busca en Dubai a clasificación para o Mundial Ironman 70.3
Por Redacción |
-
Álvaro Arbeloa cómpralle a bicicleta a Javi Gómez Noya
Por Redacción |
-
Unha carreira de media distancia en Nova Zelandia, primeiro test na tempada de Gómez Noya
Por Redacción |
-
Gómez Noya anuncia a súa intención de competir nun dos catro mundiais que organizará Pontevedra en 2019
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Javier Gómez Noya recibe en Oviedo o Premio Princesa de Asturias dos Deportes
Por Redacción |