Remonta o Pontevedra fronte a Osasuna B (3-1) para manter intacto o fortín de Pasarón
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Seis de seis. Nesta ocasión con remontada incluída. Sufriu o Pontevedra para impoñerse a un complicado Osasuna B, dando a volta a un marcador que se lle puxo costa arriba no primeiro minuto de xogo. Fíxoo cun xogo sobrio, serio e efectivo, realizando un dos mellores partidos da tempada, dominando a un rival forte en defensa, pero excesivamente conservador en ataque, quizais como consecuencia de tentar defender a súa temperá vantaxe.
Esta vez os granates xeraron menos ocasións claras de perigo, pero souberon aproveitalas, ademais de facer que Edu apenas tivese traballo. Mouriño igualou antes do descanso. Mateu fixo o segundo e Álex Fernández fixo posiblemente un dos goles da tempada, redondeando o resultado, tras unha xogada para enmarcar de David Añón.
Non se sentaron aínda os espectadores máis tardons cando o Osasuna B sorprendía na súa única acción de perigo en todo o primeiro tempo. Jaime Dios colgou o balón desde a dereita, Portela non acertou a despexar e Kike Barja anticipouse a Miguel, rematando desde moi preto.
Acusou o gol o equipo granate, que tardou en reaccionar, o que permitiu aos navarros defenderse sen abafos, salvo nunha incorporación de Miguel, que desde o bordo da área lanzou un bo disparo, coa esquerda, obrigando a Juan Pérez a empregarse a fondo para mandar o balón a corner.
Aos poucos os de Luisito foron facéndose co control do partido, aínda que sen apenas profundidade, aproveitando tamén que Osasuna especulaba co marcador a favor e case nin pisaba terreo local. Pero ese dominio non se traducía en chegadas perigosas. Con Mateu sen recibir balóns e Álex González cambiado do seu lugar natural, ao actuar pola dereita, perdendo desborde, unicamente Jacobo inquietaba algo, pero sen atopar os ocos para pisar área.
Con todo, dunha acción por banda nace o empate, pouco antes da media hora. Bonilla pon un centro lateral. Mateu prolongo de cabeza e Mouriño, desmarcado no segundo pau, empuxa á rede. Comezaba un novo partido. Desde entón ata o descanso os granates seguiron mandando, pero as ocasións nunha e outra área brillaron pola súa ausencia.
Nada máis comezar a segunda parte púidose apreciar que o partido era outro. O Pontevedra saíu con máis intensidade e decisión fronte a un Osasuna que se parapetaba na súa parcela, esperando a oportunidade dun contragolpe case como único argumento ofensivo e un fútbol demasiado directo.
Os granates puideron marcar pronto. Foi nun corner lanzado por Mouriño, que peiteou Jacobo Trigo, rozando o poste. Respondería Osasuna na súa única acción de verdadeiro perigo. O remate de Imanol Arana desde a frontal, saíu tamén preto do poste de Edu.
Moveu banco Luisito dando entrada a David Añón na dereita e pasando a Álex González á súa banda natural. Deu resultado. Nun minuto dous remates deste puideron acabar en gol.
A remontada chegaba no minuto 71. Jacobo Trigo gaña a liña de fondo e pon un centro preciso que remata de cabeza Mateu, anticipándose aos seus marcadores no primeiro pau.
Co vento en contra, Osasuna puxo en evidencia os seus escasos recursos para inquietar á parroquia local, que respirou tranquila cando no campo xuntouse a calidade de David Añón e Abel, con Álex Fernández. Añón fixo unha xogada espectacular, salvando a varios defensas, apoiouse en Abel, e deixouna para Álex Fernández, que desde a frontal púxoa co interior do pé esquerdo xunto á cepa do poste. Un golazo e a rúbrica a unha serie de resultados inmaculados en Pasarón, que devolve aos de Luisito á zona de play-off.
E aínda puido haber un cuarto. O mesmo Álex Fernández estrelou o lanzamento dunha falta no poste cando o partido agonizaba. A bancada de Pasarón recoñeceu o traballo dos seus cunha pechada ovación.
PONTEVEDRA CF (3): Edu; Miguel, Portela, Bruno, Bonilla; Jacobo Trigo (Álex Fernández, minuto 77), Kevin Presa; Álex González, Mouriño (Abel, minuto 68), Jacobo (David Añón, minuto 61); e Mateu.
OSASUNA B (1): Juan Pérez; Julen (Aitor, minuto 81), Iván Márquez, Steven, Endika; Imanol; Jaime Dios (Mikel Yodi, minuto 62), Imanol Arana, Miguel Díaz, Kike Barja; e Nuha Marong (Javi Martínez, minuto 57).
Árbitro: Leandro Carbajales Gómez (Asturias), auxiliado nas bandas por Omar Mata Areces e Gonzalo Ladreda Mocholes. Amoestou a Bonilla, polo Pontevedra, e a Julen, Imanol Arana, Imanol e Javi Martínez, polo Osasuna B.
Goles: (0-1) Minuto 1: Kike Barja. (1-1) Minuto 28: Mouriño. (2-1) Minuto 71: Mateu. (3-1) Minuto 83: Álex Fernández.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores.