Marcos Jurado gaña a cuarta etapa da Volta a Galicia
Por Redacción
Un día despois de perder a camisola de líder en Sarria, Marcos Jurado refíxose cun triunfo de etapa na cuarta xornada da Volta a Galicia.
O ciclista do Froiz volve meterse ademais na loita pola clasificación xeral da carreira.
A clave da etapa, con saída e chegada en Verín, estivo no segundo porto. Alí rompeu o pelotón cunha escapada de nove corredores dominada polo equipo alimenticio, con cinco ciclistas.
Pese ao intento de romper a unidade dese grupo, o ataque definitivo chegou a falta de 5 quilómetros, cando Jurado marchou en solitario descolgando ao líder da xeral, Samuel Blanco (Rías Baixas), que chegou a meta a 17 segundos.
Desta forma o ciclista do Froiz colócase segundo a 23 segundos do líder, mentres o seu compañeiro de equipo Dani Domínguez é quinto a 58 segundos.
A Volta a Galicia decidirase este domingo coa quinta e última etapa, de 122,5 quilómetros con saída e chegada no Porriño.