Boxeo olímpico e voleibol, novidades na oferta das escolas deportivas de Marín
Por Redacción
A oferta formativa nas Escolas Deportivas Municipais de Marín segue crecendo, chegando no próximo curso ata a vintena de actividades.
As principais novidades na lista son a inclusión do boxeo olímpico e do voleibol, que se unen a outros deportes como atletismo, baloncesto, ciclismo, fútbol-7, fútbol sala, judo, natación, patinaxe, pilates, piragüismo, remo, taekwondo, tenis, tríatlon, ver, xadrez, ximnasia artística e ximnasia Rítmica.
O pasado curso case 600 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos participaron nas escolas, unha cifra que a concellería de Deportes espera superar este ano coa inclusión das dúas novas modalidades deportivas.
Unha gala de presentación de cada unha das escolas, o vindeiro venres 2 na Alameda Rosalía de Castro, dará paso ao comezo das inscricións desde o luns 5 de setembro, cun custo anual de 40 euros.
Do mesmo xeito que en anos precedentes, as prazas en escolas que conten con exceso de demanda serán sorteadas entre os incritos, sen ter en conta a orde de inscrición.