San Narciso e a Gimnástica despiden con honras ao Pai Simón
Por Redacción
Despois de tres décadas fomentando a práctica do atletismo no Colexio San Narciso, o Pai Simón abandona Marín para afrontar un novo reto noutro destino, Ayamonte.
A pesar de non ser deportista durante a súa mocidade, foi impulsor da práctica deportiva no centro educativo e polas súas mans pasaron xeracións de nenos e nenas que, nalgúns casos, chegaron a ser referentes no atletismo autonómico.
O Pai Simón chegou ao Colexio San Narciso nos anos 60 e tras unha breve etapa noutro centro, regresou a Marín no ano 76.
O seu traballo coa base do atletismo valeulle nas últimas horas unha sentida homenaxe por parte da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, club atlético no que recalaron moitos dos seus pupilos e que lle entregou a modo de agasallo unha imaxe da Virxe Peregrina.
Todo un referente do atletismo de base provincial e autonómico que no seu último ano no colexio foi partícipe do campionato galego benxamín masculino conquistado recentemente polo San Narciso.