O waterpolo galego desembarca en Marín
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Club Waterpolo Pontevedra e a Federación Galega de Natación levarán o waterpolo ata Marín durante a próxima fin de semana, os días 25 e 26 de xuño, coa disputa do Campionato Galego Open Cadete.
A piscina da Escola Naval Militar será o escenario da competición, na que se reunirán sete equipos galegos e un invitado, o Club Waterpolo Zamora.
Durante a primeira xornada, o sábado e en horario intensivo de mañá e tarde, disputarase a fase eliminatoria en formato de liguiña con dous grupos de catro equipos cada un, mentres o domingo terá lugar a fase final do torneo, estando fixado o partido definitivo para as 12:30 horas.
Ademais do Zamora participarán no campionato CW Santiago, RCN Vigo A e B, Marina Ferrol e Waterpolo Pontevedra A e B.
Os pontevedreses son os principais favoritos a conseguir o título tras gañar Liga Galega Cadete con pleno de vitorias, estando en fase de preparación do Campionato de España da categoría que se disputa en Murcia do 13 ao 17 de xullo.
A entrada para o público será de balde durante toda a competición.