A inscrición para a Pontenoite, aberta ata o próximo mércores
Por Alejandro Espiño
Preto de 450 persoas están anotadas xa para participar na Pontenoite, a cuarta carreira do Circuíto de Carreiras do Concello de Pontevedra, que se disputará o próximo 18 de xuño.
Trátase, lembran desde a organización, dunha proba de carácter solidario que terá como punto neurálxico a praza de España e comezará a partir das oito e media da noite, coa disputa das carreiras para os máis pequenos, cuxa inscrición poderá realizarse na praza de España de Pontevedra no mesmo día da competición.
Para os maiores a inscrición efectuarase a través da web www.championchipnorte.com con tres modalidades.
Haberá unha distancia curta de 600 metros, que se disputará ao nove menos cuarto e cuxa cota de participación de cinco euros, será destinada á Asociación de Párkinson da Provincia de Pontevedra.
Pola súa banda, a Pontenoite de 10 quilómetros sairá ás 21:35 horas, sobre un percorrido de cinco quilómetros que discorrerá pola Zona Monumental principalmente e ao que haberá que dar dúas voltas. Para aqueles que queiran afrontar menos quilómetros poderanse anotar á distancia de cinco quilómetros que sairá ás 21:30 horas. Da cota de inscrición destas dúas carreiras destinarase un euro para a mesma asociación benéfica.
As inscricións poderanse efectuar ata o vindeiro mércores.