O Pontevedra negocia un triangular con Celta e Deportivo dentro dos actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño
Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña poderían xogar este verán un triangular no Estadio Municipal de Pasarón ante un Pontevedra que iniciaría así os actos do seu 75 aniversario.
É polo menos o que negocia a directiva granate con ambos os clubs galegos a expensas da súa dispoñibilidade durante a pretempada, especialmente no caso dos vigueses, que deberán xogar a fase previa da Europa League.
Así o recoñeceu este mércores a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, nunha rolda de prensa que serviu para adiantar algúns dos actos de tan especial tempada para o club da cidade de Lérez.
Ao mesmo tempo, espérase "en breve" a resposta do Atlético de Madrid á petición de xogar un partido amigable na cidade.
"Queremos celebrar que con el trabajo de muchas personas a lo largo de la historia el Pontevedra está aquí", sinalou Murillo ante os medios de comunicación.
Pero os deportivos non serán os únicos actos do 75 aniversario. A semana previa ao 16 de outubro, data fundacional do club, realizaranse unha serie de eventos xa confirmados, como unhas charlas no Teatro Principal nas que estarán, entre outros, o seleccionador nacional Vicente do Bosque ou Jorge Valdano, ademais de xornalistas como Santiago Segurola ou Alfredo Relaño, segundo explicou o tamén xornalista Xabier Fortes.
Por outra banda a Deputación acollerá desde outubro e ata pasar o Nadal, unha exposición sobre a historia do club que se pretende sexa "o embrión" dun museo permanente sobre o Pontevedra.
Como colofón o equipo xogará a próxima campaña cunha camiseta conmemorativa do aniversario. Ademais solicitou á Federación Española xogar en casa a xornada que coincida co 16 de outubro para converter a cidade nunha festa granate e "tentar encher Pasarón".
Relacionadas:
-
Xornada de baixas no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra ofrece a renovación a Company e Jandrín
Por Diego Espiño |
-
Semana de reflexión e despedidas no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O empate co Burgos (1-1) deixa o Pontevedra sen Copa do Rei pero asinando unha boa tempada
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
'Los últimos de Pasarón', un libro de Xabier Fortes para comezar os actos do 75 aniversario do Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |