O II Criterium Pontevedra de Piñón Fixo promete espectáculo
Por Diego Espiño
Preto dun cento de deportistas daranse cita o vindeiro sábado, 14 de maio, no II Criterium Pontevedra de Piñón Fixo, que repetirá experiencia na cidade achegando a espectacularidade das bicicletas de piñón fixo e sen freos.
Será unha intensa tarde de competición nun circuíto dun quilómetro con saída en Montero Ríos para pasar despois pola praza de España, Alhóndiga, Michelena, Gutíerrerez Mellado, Riestra e, de novo, a contorna da Alameda. A única variación que podería sufrir é a curva da Rúa Alhóndiga, que se suprimirá se chove para evitar caídas.
"O difícil era manter ou listón", explica Francisco Cochón en relación ao nivel de participación con respecto á primeira edición, algo que conseguiron ao asegurar a presenza "de corredores de primeira liña, que mesmo hai 15 días estaban competindo en Nova York".
O circuíto urbano é unha diferenza positiva con respecto a outras citas nacionais como Barcelona ou Valencia, o que supón un aliciente para os ciclistas.
Nesta ocasión habilitaranse dúas categorías. O deportistas 'pro' completarán 30 voltas ao circuíto, sendo eliminados se son dobrados, mentres os 'amateur' afrontarán 20 voltas.
A competición arrincará ás 15:30 horas cunha rolda clasificatoria, que decidirá a composición das dúas categorías previstas. A carreira 'amateur' comezará ás 18:00 horas e a 'pro' ás 19:00 horas.