O Teucro Pescamar feminino e o filial masculino xogarán o ascenso na casa
Por Redacción
Xa é oficial. Pontevedra acollerá un sector da fase de ascenso á División de Honra Prata Feminina e outro á Primeira Nacional Masculina de balonmán.
Así o confirmou este mércores a Real Federación Española de Balonmano tras a petición do Instituto Municipal de Deportes e Sociedad Deportiva Teucro, club que contará con representación en ambas as fases.
O equipo feminino do club pontevedrés, o Teucro Pescamar, terá como rivais ao Tierra de Barros (Estremadura), Siero Deportivo (Asturias) e Balonmano San Sebastián de los Reyes (Madrid). Dos catro equipos, só un logrará o ascenso, aínda que o mellor segundo de todos os sectores tamén o conseguirá.
Pola súa banda o filial masculino pelexará polas dúas prazas na Primeira Nacional que repartirá o sector pontevedrés. Os azuis tamén terán como rivais a Tierra de Barros e Balonmano San Sebastián de los Reyes, completando o grupo o Villa de Luanco (Asturias).
Tamén optará ao ascenso á categoría de bronce do balonmán nacional masculino o Rasoeiro do Grove. O cadro meco deberá viaxar ao País Vasco para afrontar o seu sector co anfitrión, Basauri, o Balonmano Colindres (Cantabria) e o Maristas Navarra.
Todos os sectores de ascenso disputaranse entre os días 13 e 15 de maio.