O ADFS Bueu reencóntrase co triunfo e o Leis empata cun rival directo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Leis Pontevedra queda case sen opcións de optar á cuarta praza da clasificación na Segunda B tras non conseguir pasar do empate na cancha dun rival directo, o Pizarras los Tres Cuñados (2-2). Os pontevedreses son agora sextos con 44 puntos, a cinco do cuarto posto con dúas xornadas por disputarse.
Os de Manu Cossío adiantáronse ata en dúas ocasións, pero non foron capaces de conservar a súa vantaxe.
Aos seis minutos Pablo Durán poñía en vantaxe ao Leis, que buscou ampliar a renda antes do descanso apostando polo porteiro-xogador. Non o conseguiu, e ao comezo do segundo acto o equipo local conseguía empatar.
A igualdade mantívose ata que os pontevedreses aproveitaron unha superioridade numérica para poñer o 1-2 e tres minutos do final, cun gol de Borja, pero o Pizarras reaccionou e no último minuto aproveitou un erro do Leis para poñer o definitivo 2-2.
Mellor foron as cousas ao ADFS Bueu, que tras moitas xornadas reencontrouse co triunfo ao vencer en casa ao Sala Ourense (6-4), o que alimenta as esperanzas de abandonar polo menos o faroliño vermello da clasificación.
Os do Morrazo colócanse con 17 puntos, a tres do seu rival desta fin de semana, ao que venceron nun choque que non se decidiu ata os instantes finais. O Bueu foi mellor no primeiro tempo, pero tras o descanso sufriu unha baixada de rendemento que estivo a piques de custarlle caro, ata que Javi Santos apostou polo xogo de cinco para ir a por o triunfo e saíulle ben, non sen sufrimento, ata sentenciar no último minuto.
TRIUNFO DO LEIS-MARCÓN ANTE O HUMANES
O Leis Marcón saíu vitorioso dun emocionante partido ante o Club Humanes Basket (3-2) na Segunda División Feminina, celebrado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.
As pontevedresas marcaron sempre a tónica no marcador e aproveitaron o cansazo final das visitantes, que xogaron sen cambios, pero non puideron decidir o partido ata un agónico final, cun gol de Paloma no último segundo.
O resultado coloca ao Leis Marcón na novena praza da táboa con 23 puntos.