A falta de puntería castiga o Arosa nas Pontes (0-0)
Por Redacción
Sexta xornada consecutiva do Arosa sen coñecer a derrota, pero sabor amargo ao non poder aproveitar o empate do Deportivo B para achegarse ao cuarto posto, ao non conseguir tampouco vencer nas Pontes, nun partido no que os de Piscis mereceron máis, realizando un dos mellores partidos da tempada, pero a pouca efectividade á hora de finalizar as xogadas e o árbitro, que anulou dous goles aos arlequinados, impediron a vitoria no Poboado.
No primeiro tempo o Arosa foi superior e dispuxo de ata catro claras ocasións de gol. Fran Fandiño e un man a man de Eloy foron as máis claras que tiveron os de Piscis para adiantarse antes do descanso.
Tras o descanso o Arosa seguiu dominando e manexando ben o balón. O colexiado, Alejandro del Rio Amor, anulou dous goles aos visitantes. Alberto Cabanyes tamén tivo outra moi clara pero do mesmo xeito que no primeiro tempo, non acertou a resolver.
Ao termo do partido, o técnico arosista mostrábase doído por non poder sumar os tres puntos, aínda que confiado en ofrecer un nivel de xogo similar nos dous próximos partidos que xogarán de forma consecutiva na Lomba, e que marcarán definitivamente as opcións de seguir aspirando ao play-off, primeiro ante o CD Boiro e sete días despois contra o Rápido de Bouzas.
Consulta aquí o acta do partido.