Horario 'Champions' para a loita pola permanencia do Teucro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os resultados do fin de semana deixaron á Sociedad Deportiva Teucro nunha situación aínda máis complicada, xa que a inesperada vitoria do Ángel Ximénez ante o Naturhouse (30-26) afastou a permanencia a tres puntos de distancia.
Con esa urxencia, a de puntuar, afrontan os azuis este mércores, en horario 'Champions' (20:45 horas), a visita ao Pavillón Municipal dos Deportes do cuarto clasificado, o Granollers.
O cadro catalán chega á cita tras a súa agónica clasificación para os cuartos de final da Copa EHF, empatando a falta de nove segundos ante o Aalborg, un esforzo que pode pasarlles factura en Pontevedra.
Iso esperan os teucristas, que a pesar da diferenza clasificatoria buscarán a sorpresa conscientes do complicado calendario que afrontarán no mes de abril.
Tras este partido, os de Quique Domínguez viaxarán a León para xogar ante o Ademar, recibirán en casa ao Villa de Aranda, visitarán ao Naturhouse e xogarán no Municipal ante o poderoso Barcelona para pechar o mes.
'MÉRCORES DE RESURRECCIÓN'
Por todo iso o club azul quere converter a cita ante o Granollers no seu particular 'Mércores de Resurrección'. Así promociona o partido, no que cada socio poderá retirar de novo dúas entradas para os seus acompañantes de balde.