Balonmán.com gaña nun final de infarto a Granitos Ibéricos (27-26) e O.A.R. supera sen apuros a Poio Artai (34-26)
Por Redacción
Igualdade absoluta, alternativas constantes e final de auténtico infarto no que calquera puido levar o partido. Balonmán.com impúxose con moitos apuros a Granitos Ibéricos nun choque no que ningún dos equipos foi capaz de facer mover o marcador nos últimos cinco minutos, con ocasións para ambos para cambiar o resultado final (27-26) favorable aos pontevedreses.
A primeira parte xa presaxiaba o que sería o resto do partido. Un e outro equipo alternábanse mandando no marcador, pero sempre por mínimas diferenzas, a máxima foi para os visitantes, que se puxeron dous arriba (8-10) superado o minuto 20, para irse ao descanso mandando por un apertado 12-13.
Nada máis comezar o segundo tempo Pablo Vidal reclamou protagonismo (sería o máximo goleador do partido con 9 tantos), para poñer por diante aos seus. A partir de aí a inicitiva foi case sempre para os de Pedro Pérez, que parecían sentenciar a falta de once minutos coa máxima vantaxe do partido (24-20), pero aí atascáronse e Granitos Ibéricos recuperou opcións.
Con sete minutos por xogar, Granitos Ibéricos ameazaba (25-24). Pablo Vidal marcaba por dúas veces, pero os visitantes volvían poñerse a un (27-26) a falta de cinco minutos. Nervios, imprecisións, erros nos lanzamentos e accións de ataque para os dous, pero o marcador xa non se movería, co que Balonmán.com suma dous puntos para asegurar virtualmente a permanencia.
Consulta aquí o acta do partido.
SERGIO SARASOLA, PESADELO DO POIO ARTAI
Marcador enganoso e partido que se resolveu con máis facilidade da que indican os números finais. O.A.R. Coruña non se viu inquietado case nunca por un Poio Artai voluntarioso, pero incapaz de frear ao xogador local, Sergio Sarasola, autor de nada menos que 15 dos goles do seu equipo.
A iniciativa foi sempre coruñesa, aínda que o Poio loitou por manter a igualdade ata a recta final do primeiro tempo, conseguindo neutralizar os catro goles de renda para empatar o partido (11-11), superado o minuto 20.
Non sería ata o últimos tres minutos antes do descanso cando o conxunto coruñés lograría despegarse novamente (17-13, ao descanso), para afrontar a segunda parte na que o Poio vía como cada intento de achegamento era rapidamente respondido polo O.A.R., que chegou a ter unha máxima vantaxe de nove tantos (29-20), a falta de dez minutos.
Poio Artai seguiu loitando e púxose a catro (30-26), a falta de pouco máis de dous minutos para o final, pero os coruñeses volveron apertar para deixar o marcador no definitivo 34-26.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
Poio Artai suma o seu primeiro punto pero escápaselle a vitoria fronte a BM Cañiza (25-25)
Por Redacción |
-
Balonmán.com non pode co líder Calvo Xiria (23-30) e Poio Artai tampouco se estrea en Lavadores (30-23)
Por Redacción |
-
Balonmán.com certifica a permanencia á conta de BM Artabro (32-36) e Poio Artai cae ante BM Porriño (19-24)
Por Redacción |
-
Atlético Novás sofre para impoñerse a Balonmán.com (29-25) e Poio Artai cede fronte á S.A.R. (21-28)
Por Redacción |
-
Balonmán.com cura feridas á conta dun Poio Artai que xustifica a súa traxectoria (38-22)
Por Redacción |