As sancións, problema engadido para o Pontevedra ante a visita do Real Racing
Por Diego Espiño
Co triunfo ante o Coruxo o Pontevedra deixou atrás unha mala serie de resultados e queda a un paso de asegurar a permanencia en Segunda B, o grande obxectivo da tempada, e gañar o dereito para pensar en cotas máis ambiciosas ata o final de liga.
Con 42 puntos, os granates atópase a só tres dos 45 que se adoitan poñer como fronteira virtual para a salvación, unha cifra que poden alcanzar o vindeiro domingo 28 (18:00 horas) na visita a Pasarón do Real Racing Club.
Con todo, a visita dun dos aspirantes ao ascenso, xa de seu esixente, terá unha complicación extra, as sancións que afrontan esta semana os pontevedreses.
Luisito verase obrigado a variar o once inicial das últimas xornadas ao contar con catro importantes ausencias por acumulación de amoestacións, xa que a falta da ratificación do Xuíz de Competición Adrián, Jacobo, Hugo e Antonio Bello cumprirá un partido de sanción por este motivo.
O problema será especialmente delicado na liña ofensiva do equipo, ao ser Jacobo un home habitual nas aliñacións do adestrador granate, do mesmo xeito que Bello e Hugo desde a súa chegada. No caso das fichaxes, a súa sanción débese á suma dos cartóns amarelos que viron nos seus equipos de procedencia sumadas ás das últimas xornadas.
Ao cumprir ciclo estes catro fubolistas o número de apercibidos de sanción, con catro cartóns, quedan agora Anxo e Álex Fernández.
Aínda por riba Luisito tamén podería perder para a cita a Capi, que solicitou o cambio ante o Coruxo por problemas musculares e únese a Carnero na lista de lesionados, aínda que espera recuperar a Kevin Presa.