Falece Nando Yosu, dianteiro do Pontevedra na época gloriosa
Por Ramiro Espiño
Fernando Trío Zabala, coñecido futbolísticamente como Nando Yosu, faleceu este sábado, aos 76 anos en Santander. Segundo informa El Diario Montañés, o que fose adestrador do Racing en seis etapas padecía desde hai case unha década a enfermidade de Alzheimer.
Nando Yosu formou parte como xogador do equipo do Pontevedra, nos últimos anos da época gloriosa do club granate en Primeira División, onde chegou procedente do Athletic de Bilbao.
Foi un extremo esquerdo rápido, moi habilidoso e con moita calidade que, tras colgar as botas, iniciou unha exitosa traxectoria nos bancos. Nacido o 8 de xullo de 1939 en Munguía (País Vasco), tomou o sobrenome de Yosu polo seu irmán maior Jesús, que tamén foi xogador e militou, entre outros conxuntos, na Gimnástica e o Real Oviedo.
Yosu debutou coa camisola verdibranca do Racing Club en segunda división e participou no ascenso a Primeira de 1960. Tras dúas campañas na elite foi traspasado ao Valencia CF, co que gañou dúas Copas de Feira (predecesora da Europa League) antes de volver ao Racing en Segunda División. Os cántabros non lograron ascender a campaña 1963/64 e unha vez finalizada foi vendido ao Athletic, onde xogou dúas tempadas. Posteriormente militou no Pontevedra CF, en Primeira División, no Club de Fútbol Calvo Sotelo e na Gimnástica, onde colgou as botas en 1972.
En 1975 regresou ao Real Racing Club para adestrar ao equipo xuvenil, á vez que era o segundo técnico do primeiro equipo que dirixía Maguregui. A marcha deste ao terminar a tempada 1976/77 fixo que pasase a ser o primeiro adestrador, logrando a permanencia en Primeira División cun equipo moi novo e varios xogadores do filial. Ao ano seguinte tivo que deixar o seu cargo a Santi Gutiérrez nos últimos partidos da tempada por motivos de saúde.
Yosu dirixiu logo a numerosos equipos (Real Oviedo, Linares CF, Selecta CF, en dúas etapas, Deportivo Arabés, Club Deportivo Ourense, Unión Deportiva Alzira, Orihuela Deportiva e Sociedad Deportiva Ponferradina) antes de regresar á súa casa, o Racing, en 1994 como axudante de Vicente Miera e conseguir tamén a permanencia en Primeira no ano 2006, nun equipo do que formaba parte, entón como xogador, o tamén exentrenador granate Pablo Alfaro.
Unha das súas últimas aparicións públicas produciuse na inauguración dos novos equipamentos de adestramento do Racing na Albericia, que desde a súa remodelación integral teñen precisamente como nome oficial Instalacións Nando Yosu.