Gran triunfo do Leis na pista do líder e nova derrota do ADFS Bueu
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Vitoria de nivel a conseguida polo Leis Pontevedra na cancha do ata agora case intratable líder, o Noia FS (1-5), despois dun partido intenso e vibrante no que, a pesar do claro do resultado, puido pasar de todo.
O resultado final do partido pode resultar enganoso, xa que os locais apertaron e dominaron gran parte do encontro, con claras oportunidades e ata catro disparos ao pau. Con todo o choque que realizaron os pontevedreses foi sobresaliente desde o primeiro minuto, cando se adiantaron cun gol de Raúl.
Tentaron reaccionar os locais, pero o que acertou de novo aos tres minutos foi o Leis por medio de Gus, un resultado que os pupilos de Manu Cossío aguantarían ata o descanso a pesar da presión local.
Na segunda metade o Noia saíu en tromba en busca da remontada, recortando distancias aos 25 minutos. Entrouse entón nunha fase de intensidade e igualdade que non rompeu ata os minutos finais, cando no 35 Berto facía o 1-3.
O cadro coruñés apostou entón polo porteiro-xogador, pero o que chegaría sería a sentenza pontevedresa cos tantos de Raúl, de dobre penalti, e Miguel.
O triunfo deixa ao Leis Pontevedra na quinta praza da clasificación da Segunda B con 30 puntos.
Pola súa banda o ADFS Bueu sumou unha nova derrota, na súa cancha ante o Ventorrillo (3-4), que lle deixa nunha situación comprometida, pechacancelas con 12 puntos.
Os do Morrazo foron superiores ao seu rival, dominaron e adiantáronse no marcador, pero desperdiciaron claras ocasións e terminárono pagando. Chegaron ao descanso 1-3 en contra.
Na segunda metade o Bueu saíu convencido de poder remontar e chegou a empatar o partido. Con todo, tras non sacar proveito dunha superioridade numérica, o Ventorrillo apostou polo xogo de cinco e sentenciou nos instantes finais poñendo o 3-4 no marcador.