O Ribadumia deixa escapar os puntos ao permitir a remontada do Barbadás (1-2)
Por Redacción
Sete xornadas suma o Ribadumia sen coñecer a vitoria. Tívoa ao alcance da man fronte a unha das revelacións da liga como é o sorprendente líder Barbadás, pero deixouna escapar cometendo erros defensivos que permitiron a remontada do conxunto ourensán nos últimos minutos de partido.
Pero non só cometeu erros defensivos o equipos que dirixe Sierra. Tamén en ataque os dianteiros da Senra puideron sentenciar un partido no que dominaron ao seu rival desde o inicio.
Fran Matos, Nando e Changui perdoaron tres ocasións case seguidos en menos dun minuto (minuto 12 de partido), como froito do dominio local que encerraba ao Barbadás na súa parcela. De novo Fran Matos rozou o gol antes da media hora e Hugo desperdiciou un man a man co porteiro visitante pouco máis tarde, xusto antes de que chegase o primeiro descoido defensivo, esta vez sen consecuencias, minuto 40, que Matelo non aproveitou, rematando sen perigo.
Ao regreso de vestiarios seguiron as ocasións claras, especialmente una nas botas de Nando, que disparou alto desde a área pequena e a porta baleira.
Ata que no minuto 50 por fin Fran Matos finalizaba en gol unha xogada iniciada por Nando, só ante Berto, que sacou o seu remate pero Matos aproveitou para adiantar ao Ribadumia.
Paco e outra vez Nando puideron facer o segundo, pero fallaron novamente, ata que o Barbadás empezou a buscar a portería contraria. Isi tivo a primeira ocasión para empatar, pero foron os defensores locais os peores inimigos de Javi Sánchez, que volvia á Senra tras o seu curto e polémico paso polo Arousa. Así, o empate chegaba tras un saque de banda que un defensa peiteou cara á súa portería, deixando o balón aos pés de Oli, que non perdoou (minuto 78).
Aínda por riba, cando o partido agonizaba (minuto 86), unha perda de balón de Nando ao bordo da área, aproveitouna Isi para dar a vitoria ao Barbadás.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
Leve respiro do Ribadumia tras golear (3-0) ao Silva
Por Redacción |
-
A síndrome dos últimos minutos volve atacar ao Ribadumia en Redondela (2-1)
Por Redacción |
-
Derrota con polémica final do Ribadumia (1-2) ante Rápido de Bouzas
Por Redacción |
-
Ribadumia e Selección Galega empatan na Senra (1-1)
Por Redacción |
-
O Barco aproveita a expulsión de Giti para dobregar ao Ribadumia (2-0) nos últimos minutos
Por Redacción |