O Teucro, ante o seu partido máis complicado
Por Diego Espiño
Podería cualificarse dun reto á altura de David contra Goliat, pero é que mesmo semella máis complicado aínda.
A Sociedad Deportiva Teucro afronta este mércores (20:30 horas, Movistar +) o partido máis difícil da tempada, na cancha do todopoderoso Barcelona.
O conxunto catalán non perde en liga desde o 18 de maio de 2013, cando caeu en Logroño unha semana despois de asegurar o título. Desde entón, o cadro dirixido polo ex-teucrista Xavi Pascual (Pasqui) suma 71 vitorias consecutivas.
De feito o Teucro é o último equipo que se interpón entre o Barcelona e o record de partidos consecutivos sen perder, 72, marca que conseguiu o Granollers entre os anos 69 e 72.
Antóllase complicado vencer ao un equipo que golea alá onde vai, pero os azuis ascenderon á liga Asobal para afrontar partidos así. Por ese motivo os pupilos de Quique Domínguez viaxan á capital catalá sen complexos.
O técnico azul non poderá contar para a cita con David Chapela, que descansará para tentar mellorar dos seus problemas no ombreiro e estar en boas condicións para o seguinte compromiso ligueiro, ante o Anaitasuna.
Os árbitros designados para o encontro son os irmáns Escudero Santiuste, do colexio cántabro.