Villalonga e Unión Grove levan os derbis ante Portonovo e Sanxenxo
Por Redacción
O Villalonga mantén o ritmo de cruceiro á fronte do Grupo Sur de Preferente tras impoñerse no derbi que lle enfrontaba ao Portonovo (2-1) en San Pedro.
Os celestes con todo tiveron que empregarse a fondo para remontar o tanto inicial dos arlequinados, obra de Darío de penalti aos 7 minutos de xogo.
Diego Blanco empatou aos 15 minutos e non foi ata o 86 cando Alfonso anotaba o definitivo 2-1.
O triunfo fai que o Villalonga manteña os oito puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, mentres o Portonovo queda no decimo terceiro posto con 13 puntos.
No outro derbi da xornada, o Unión Grove levou os puntos de Baltar de Arriba (0-1) ante un Sanxenxo que non puido estrear adestrador con vitoria.
Os amarelos mereceron máis, pero foi o conxunto visitante o que quedou co triunfo cun gol de Iñaki no último minuto.
Coa vitoria o Unión Grove ascende á décimo segunda posición con 16 puntos, mentres o Sanxenxo é décimo sexto con 14.
Completou a xornada o Céltiga cun empate a dous goles no campo do Alertanavia, o que lle coloca sexto con 22 puntos.