Os árbitros de Pontevedra deciden non secundar a folga convocada nas delegacións do norte de Galicia
Por Diego Espiño
O fútbol non parará a próxima fin de semana en Pontevedra, segundo o acordado pola delegación pontevedresa do Comité de Arbitros.
Nunha reunión que se prolongou máis aló da medianoite, os colexiados da demarcación territorial de Pontevedra decidiron "por mayoría aplastante", non secundar a folga convocada no norte de Galicia.
Así o explicou ao final da reunión o delegado do comité, Manuel Vidal Araújo, tras unha votación á que acudiron 96 árbitros.
A Coruña, Ferrol e Lugo uníronse nas últimas horas á folga indefinida convocada a pasada semana en Santiago e que se manterá ata que o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, destitúa a Fernando Iglesias Figueroa, presidente do Comité Técnico Galego de Árbitros.
O detonante de toda a situación foi a decisión de Iglesias Figueroa de cesar ao delegado compostelán, Carlos Otero.
Ademais de arbitrar os partidos que se designen na delegación de Pontevedra, os árbitros da comarca acudirán aos partidos doutras delegacións que lles sexan adxudicados.