O Comité de Competición dá por finalizado o Verín-Marín e sanciona con 5 partidos e 9 meses ao xogador Luisito
Por Redacción
Como cabía esperar, o Comite de Competición da Rexional Preferente decidiu dar por finalizado o partido Verín-Marín, que resultou suspendido o pasado domingo no minuto 81, co marcador favorable aos marinenses por 0-2, cando a raíz de serlle mostrada a segunda tarxeta amarela ao xogador local, Luisito, este reaccionou de forma violenta agredindo un dos árbitros asistentes.
Ambos os dous clubs dirixíranse ao Comité solicitando en senllos escritos que se dese por finalizado o partido co resultado de 0-2 a favor do Marín, evitando así un desprazamento longo para xogar tan só 9 minutos e os conseguintes gastos que haberían de correr a cargo do Verín, o ser un dos seus xogadores o que provocou a suspensión.
Ademais, o citado Comité, na súa resolución, desestima as alegacións formuladas polo Verín sobre o incidente protagonizado polo seu xogador Luis Ossorio Augusto (Luisito), ao considerar probada "a existencia da agresión, sendo igualmente grave e merecedora de sanción imposta dun golpe lateral na cara, e en consecuencia sanciónase o referido xogador por 5 partidos e 9 meses".
A sanción analízase do seguinte xeito: 1 partido, pola expulsión por dobre amoestación; 2 partidos, por menosprezar ao colexiado tras ser expulsado e dous 2 partidos máis por menosprezar o árbitro asistente no túnel de vestiarios. A sanción máis forte de 9 meses de suspensión adóptase en virtude do articulo 120.2 do regulamento de competición, que leva consigo ademais unha multa económica ao Verín por importe de 357 euros.