O Open Internacional de Taekwondo segue a crecer na súa XVIII edición
Por Diego Espiño
Preto de 1.200 deportistas participarán o próximo fin de semana no XVIII Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, que se celebrará os días 31 de outubro e 1 de novembro no Pavillón Municipal dos Deportes.
A competición, segundo explicaron desde o Mace-Sport, contará con 743 deportistas inscritos na modalidade de combate, 214 en técnica e 224 en exhibición.
"A cantidade de xente é moi alta e a calidade tamén", explicou o presidente do club pontevedrés, Miguel Cortegoso, recoñecendo que o torneo non deixa de crecer, o que provoca que por primeira vez habiliten 12 tapices de competición.
"O próximo ano imos ter que ampliar días", asegura Cortegoso.
En total serán 74 os clubs presentes no Open, procedentes de España e en gran número de Portugal ao ser cualificado pola federación lusa como campionato de ránking clasificatorio para os seus deportistas.
A competición arrincará o sábado 31 cos combates en categoría infantil, absoluto e master (9:00 a 14:00 horas) e tamén cadete e junior (16:00 a 20:00 horas).
Para o domingo quedan as modalidades de técnica e freestyle (9:00 a 14:00 horas) e as exhibicións (16:00 a 18:30 horas).
O Open aposta ademais pola máis avanzada tecnoloxía con petos e cascos electrónicos e o uso do 'vídeo replay'.
As entradas para o público, para maiores de 10 anos, será de 3 euros para cada unha das sesións e de 5 euros para o día completo.