O Leis salva un punto grazas o empate logrado (4-4) na súa visita ao Sala Ourense
Por Redacción
Un punto que sabe a gloria. É a colleita que trae o Leis FS da súa visita a Ourense, tras o seu empate a catro contra o Sala Ourense no partido disputado este sábado no Pavillón dos Remedios.
Foi, sen dúbida, un encontro tremendamente disputado. Os ourensáns adiantáronse no minuto 6 cun gol de Tizón á saída dun libre indirecto e a pesar do seu dominio inicial, Raúl empatou catro minutos despois. Pouco duraría a igualada, xa que no minuto 13 Martín poñía de novo en vantaxe aos locais. Así se chegaba ao descanso, despois de que o Sala Ourense estrelase varios balóns ao pau.
Co inicio do segundo tempo era o Leis Pontevedra o que tomaba o mando do partido, pero non era capaz de acertar a bater ao meta local. Co equipo visitante centrado no ataque, era o Sala Ourense o que golpeaba de novo e poñíase con 3-1 por medio de Carracedo, faltando pouco máis de oito minutos para o final.
Na seguinte xogada, os ourensáns estiveron a piques de sentenciar o partido cun cuarto gol, pero foi o Leis o que recortaba distancias por medio de Barcala que marcaba o 3-2. Cos dous equipos xa con cinco faltas serían os pontevedreses os que aproveitarían a súa oportunidade e nun dobre penalti marcaba Raúl o empate a falta de tres minutos
Co partido empatado os dous equipos intercambiaban ocasións, pero sería o Leis o que se poñería por diante. A pouco máis de dous minutos para o final, Raúl anotou de volea a saída dun saque de esquina. O Sala Ourense, grazas a unha xogada de Alli, logrou marcar o 4-4 definitivo a falta de pouco máis de 30 segundos para o final.
Con este empate, o Leis Pontevedra suma 11 puntos e sitúase terceiro na clasificación do seu grupo na Segunda B.