Puerto Sagunto, rival dun Teucro que quere manter a súa fortaleza como local
Por Diego Espiño
Con todo o plantel dispoñible afronta o Teucro a visita este sábado (20:30 horas) ao Municipal do Puerto Sagunto, incluído un Samu Gómez recuperado da súa lesión aínda que sen ritmo de competición.
Esquecida xa a derrota en Puente Genil, os azuis volven ao seu lugar preferido, un Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra no que suman dous triunfos noutros tantos encontros de liga e ao que queren seguir mantendo como un fortín.
"En los partidos en casa hay que intentar conseguir los mayores puntos posibles porque fuera es muy complicado", recoñece García Pichel resumindo o sentir dos seus compañeiros.
É dicir, a permanencia pasa polo Municipal, de aí a importancia do choque deste sábado, tralo que deberán afrontar dúas saídas consecutivas ás difíciles canchas de Benidorm e Granollers.
O Puerto Sagunto preséntase en Pontevedra cos mesmos puntos que os azuis, catro, tras vencer únicamente os seus compromisos como local, pero Quique Domínguez ve un equipo "con mucha calidad" que segundo o seu criterio "ha hecho una plantilla para aspirar a algo más que la permanencia".
O técnico pontevedrés destaca o poderío en ataque dos valencianos, en especial dunha primeira liña que comanda dende o central o ex-teucrista Sayad, polo que entende "vamos a tener que estar muy bien en defensa" para poder gañar o encontro.
Arbitrarán o partido a parella castelán leonesa composta por Merino Mori e Moyano Prieto.