Montalvo xunta 200 nenos de entre 5 e 14 anos na terceira edición da MiniBTT Sanxenxo
Por Redacción
Máis de 200 corredores participaron este domingo na terceira edición da MiniBTT Sanxenxo que se celebrou nas inmediacións da praia de Montalvo. Todos eles tiñan entre cinco e catorce anos e pertencían a clubs galegos, salvo tres deles chegados desde o País Vasco.
A proba desenvolveuse nun circuíto técnico bonito pero moi duro por tratarse dun terreo areoso no que os cativos tiveron dificultades para desenterrar as súas bicicletas, o que aportou un plus de diversión a esta proba.
O Club Ciclista Corbelo de Portonovo aportou ao participante de menor idade, Braian Martínez, que con tan só catro anos de idade quixo completar todo o percorrido.
Os gañadores foron os seguintes:
- Prebenxamíns: Lucas Lozano González (Marín CC) e Nerea Soto Álvarez (Ponteareas CC)
- Promesas: Mauro Vega Valverde (Coruxo CC) e Lorena Patiño Villanueva (Marín CC)
- Principiantes: Alejandro González Rodríguez (Coruxo CC) e María Filgueiras Barcenilla (Betanzos BTT)
- Alevíns: Breogán Diz Vences (Maceda CC) e Laura Fernández Gómez (2.0 Sport Team)
- Infantís: Carlos Canal Blanco (Maceda CC) e Antía Martínez Fernández (Maceda CC)
Dende o Corbelo destacan que a meirande parte dos participantes e as súas familias quedaron en Sanxenxo a gozar da excelente tarde de praia que ofrecía o municipio.